La Familia

La Familia son catro músicos vindos de bandas galegas de referencia como Trem Fantasma, Igloo, The Blows, Maryland ou Circular, que deciden poñerse ao servizo dunhas cancións de autor que parten dos alfoces do folk para chegar ao pop. As súas cancións o mesmo ofrecen ecos do pop de toda a vida (hai momentos que case piden ser cantados por Dusty Springfield), como tiran cara á americana (o Ryan Adams menos cowboy tamén semella xurdir por aquí), ou lembran eses grupos como The Morning Benders, que toman o pop máis clásico para lle dar unha visión contemporánea.
Pop normal para un mundo normal, ese onde os coros fan que as cancións crezan por dentro, coma se fose primavera na gorxa. Pop no que as letras saben o que din, no que as melodías se fixan sen pudor á cabeza, e ao que uns sutís arranxos (ben de trompeta, de acordeón ou teclados) achegan unha boa dose de elegancia.
Onde: Parque de Belvís
Cando: 16 de Xuño | Escenario Principal: 13:20
Que é a Romería Pop?
O compostelán Parque de Belvís acollerá o sábado 16 de xuño a Romaría Pop, un novo concepto de xornada musical, organizado por Desconcierto Cultural coa colaboración do Concello de Santiago. Dándolle unha volta de porca á tradicional romaría estival, Desconcierto Cultural enriquécea co mellor da escena independente galega e reformúlaa como un evento lúdico para públicos variados e oídos esixentes: un día cheo de música, actividades culturais, comida e bebida, con entrada totalmente de balde.A quen vai dirixido?
A Romaría Pop vai dirixida non só á comunidade melómana santiaguesa, senón a calquera persoa interesada en gozar do lecer e da cultura nunha xornada ao aire libre, polo que non han faltar durante o día múltiples actividades destinadas a toda a familia. Para os máis pequenos haberá obradoiros musicais infantís, concertos específicos dos grupos participantes cun repertorio exclusivo para a ocasión e actividades de creación de camisetas e de divulgación ambiental. Pequenos e maiores poderán, ademais, pasar o tempo entre concertos nas presentacións culturais e nos postos de venda dispostos para a ocasión, gozar da ambientación musical ou achegarse ás barras de comida e bebida repartidas polo parque.Quen anda detras de todo isto?
Desconcierto Cultural é unha asociación aberta a quen se queira unir a ela e a través da cal pretendemos dinamizar a escena galega con iniciativas e proxectos culturais de todo tipo, inda que coa música como referente principal. Se queres contactar connosco ou enviarnos calquera suxestión, pódesnos escribir aquí.









